RuraisLAB Galicia pasa a integrarse na Rede Europea de Living Labs

xoves, 27 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

Ruraislab.com, espazo virtual de encontro para as asociacións galegas de mulleres do que xa temos falado nesta web (con motivo da súa loita contra a violencia de xénero), vén de formalizar a súa integración na Rede Europea de Living Labs (ENOLL). A benvida oficial a esta plataforma, un espazo colectivo que fai uso de todo tipo de ferramentas comunicativas para impulsar o desenvolvemento e a integración social en xeral, desenvolveuse o pasado 14 de abril en Valencia, na asemblea anual da rede ENOLL (na imaxe). Para RuraisLAB Galicia, que xa formaba parte da rede española de Espazos Sociais de Innovación, a integración na devandita plataforma europea constitúe un importante acontecemento para o colectivo, o único das súas características que operaría no noso país e o único a nivel da UE que se centra exclusivamente na muller.
Engadir ademais que RuraisLab Galicia é un obradoiro vivo (de aí o de living lab), un espazo de observación e traballo colectivo moi centrado no uso das redes (cada integrante ten un blog onde informa e interactúa) e que centra os seus esforzos nas necesidades da muller, labor que as súas responsables consideran que debería ser transversal ao sistema de innovación na construción da sociedade do futuro.

PUBLICIDADE