Rumores sobre as prestacións do novo iPhone

martes, 30 de marzo do 2010 Marcus Fernández

O vindeiro verán é de agardar a chegada anual dun novo iPhone, de aí que non sorprenda a chegada de múltiples rumores sobre as súas prestacións. Por unha banda, o The Wall Street Journal asegura que poderían estar a preparar cun iPhone compatible coa conectividade CDMA, o que faría que fose compatible coa rede de Verizon, ou sexa, que remataría coa exclusividade do iPhone por parte de AT&T nos EE.UU.
Pero ese é só un dos detalles comentados do que algúns dan en chamar iPhone 4G e outros iPhone HD, e que segundo parece funcionaría co procesador A4 desenvolvido por Apple e xa presente no iPad; tería unha pantalla impresionante resolución de 960 x 640 píxeles, o que sería o dobre da pantalla actual (facilitando o uso de vellas aplicacións multiplicando os píxeles en pantalla por 2 na súa representación gráfica); gozaría de posibilidades multi-tarefa; e incluso tería unha cámara frontal para videoconferencias (o que estaría lonxe de confirmarse, posto que ata o iPhone 2G conta co espazo para a súa instalación no seu interior).
Estas informacións hai que collelas con pintas, resultando bastante difícil de crer a enorme resolución que prometen para unha pantalla de 3,5 polgadas que supostamente vemos no seguinte vídeo:

PUBLICIDADE