Rumoréase que Windows 7 podería adiantarse a 2009

venres, 4 de abril do 2008 Marcus Fernández

Gates durante unha presentación de Windows Vista

Aínda que as vendas de Windows Vista son importantes, o último sistema operativo de Microsoft parece ter unha mala aceptación lembrando ao que no seu día foi Windows Millennium, polo que os rumores de que podería contar cun sucesor en breve son insistentes, e agora chegan mesmo da voz de Bill Gates, quen comentou que o Windows 7 (nome que podería tomar este sistema operativo) podería saír «durante o vindeiro ano», polo que se adiantaría a data anunciada inicialmente (2010).
De tódolos xeitos a planificación oficial de Windows 7 non cambiou, polo que as palabras de Gates podería estar a ser mal interpretadas, e o fundador de Microsoft estaría a referirse a unha nova versión de proba de Windows 7.
Dende Microsoft tamén continúan a soster que deixarán de vender Windows XP para equipos novos, coa salvedade dos ordenadores ultraportátiles de baixo custo, que parecen estar a adoptar de xeito masivo o XP coma sistema operativo (pois está a ter mellor acollida que certas distribucións adaptadas de Linux).

PUBLICIDADE