Rubiales quixo silenciar a Wikipedia

xoves, 24 de agosto do 2023 Marcus Fernández

Na entrada de Luis Rubiales na Wikipedia recollen un apartado enteiro dedicado ás controversias do presidente da RFEF

Esta semana o foco informativo en España estaba situado moi especialmente na figura do presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales, por mor do seu comportamento durante a final do Mundial de Fútbol Feminino, pero o que non se esperaba é que este escándalo sacase á luz unha face tecnolóxica dos problemas de reputación de Rubiales, xa que vén de transcender que chegou a demandar ante os tribunais a Wikipedia o pasado mes de decembro tras detectar que na enciclopedia libre recollían na súa ficha referencias aos distintos escándalos relativos ás negociacións da Supercopa.
Rubiales esixe a retirada da información divulgada que, ao seu criterio, desprestixia á reputación da RFEF, ao que dende a Wikipedia responden que eles non exercen control editorial como un medio de comunicación convencional, senón que é a comunidade a que publica os contidos en base a fontes que consideran fiables, neutrais e ben fundadas.
Aínda que Rubiales queira facer desaparecer as referencias aos seus negocios ocultos, a información publicada orixinalmente por El Confidencial parece bastante ben fundamentada (chegando a ser considera veraz en sede xudicial), polo que a demanda contra a Wikipedia parece buscar simplemente reducir a visibilidade dunha información que contribúe á mala imaxe pública de Rubiales, aínda que parece razoable pensar que, tras os feitos acontecidos nos últimos días, esta reclamación non continúe adiante.

PUBLICIDADE