Rubén Bastón impartirá en Compostela un curso sobre a figura do xestor de comunidades

mércores, 8 de xaneiro do 2014 Fernando Sarasketa

A Asociación Galega para a Formación do Sector Publicitario, AGAFPU, vén de informar dunha actividade de seu de especial interese para os profesionais das novas tecnoloxías. Falamos do Curso de Community Manager, que se vai desenvolver na sede da asociación, en Santiago, os sábados 25 de xaneiro e 1, 8 e 15 de febreiro en horario de 10 a 14 horas e contando co galego Rubén Bastón (Bueu, 1982), un dos profesionais máis representativos da publicidade e a mercadotecnia dixital do panorama estatal e internacional, en labores de docencia.
Lembrar que Bastón foi nomeado hai tres anos anos director de Medios Sociais de Elogia (empresa referencial das novas metodoloxías de promoción corporativa), converténdose daquela no directivo máis novo da historia da compañía. Recordar tamén que Bastón é licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago con especialización en Xornalismo Electrónico e Comunicación Audiovisual, e ademais é Experto en Redes Sociais pola Escola Superior de Marketing de Barcelona. Amais, ten colaborado en publicacións como o Libro Branco dos medios sociais ou Web 2.0 e empresa: manual de aplicación en ámbitos competitivos.
Segundo informa AGAFPU, a figura do community manager é unha das máis demandadas no mercado empresarial dos nosos días. De feito, engade a plataforma, a xestión da comunicación nas redes sociais e o aproveitamento dos seus recursos converteuse nunha prioridade para as marcas, xa que diso depende na actualidade a súa imaxe e prestixio, convertendo esta disciplina en imprescindible para calquera axencia, xornalista o responsable de mercadotecnia. Un community manager, para entendérmonos, é o responsábel dun colectivo determinado en liña que actúa como auditor da marca nos medios sociais e que é a persoa encargada de soster, acrecentar e defender as relacións da empresa cos seus clientes no ámbito dixital.

PUBLICIDADE