Rúa Dixital presenta en América un software pioneiro para a xestión de bancos de sangue

venres, 13 de outubro do 2017 Redacción

A empresa compostelá Rúa Dixital, centrada en desenvolvemento web, mercadotecnia en liña e visualización en buscadores, vén de presentar na outra beira do Atlántico un software pioneiro que facilita a xestión de bancos de sangue. A presentación levouse a cabo nun encontro referencial americano no ámbito da saúde e da ciencia, o XXV Congreso Internacional do Grupo Cooperativo Latinoamericano de Hemostasia e Trombosis (CLAHT), que se celebra desde estes días en República Dominicana.
O sistema dado a coñecer por Rúa Dixital, o sistema Onega+, foi creado en base a experiencia acumulada por centos de profesionais e usuarios dos centros de transfusión (coñecedores das principais demandas e necesidades destes centros) e contou para coller corpo co traballo de médicos especialistas.
Segundo informa Rúa Dixital, é unha ferramenta con capacidade para adaptarse a diferentes contornas sanitarias, segura, eficaz e rendíbel dende o punto de vista económico e empresarial (froito da eliminación de non conformidades, aforro de tempo e optimización na toma de decisións).
José Luís Bueno, responsábel do Servizo de Transfusión e Unidade de Hemoterapia non Transfusional do Hospital Universitario Porta de Hierro-Majadahonda, está a ser o encargado de presentar este novo software no devandito congreso, no que participan profesionais de Arxentina, Brasil, Bolivia, Chile, Colombia, Costa Rica, Cuba, O Salvador, Ecuador, Guatemala, Honduras, México, Panamá, Paraguai, Perú, República Dominicana, Uruguai e Venezuela.

PUBLICIDADE