Rouban milleiros de números de tarxetas bancarias na tenda en liña de OnePlus

venres, 19 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Esta semana o fabricante chinés de smartphones OnePlus eliminou temporalmente a opción de pagamento mediante tarxeta bancaria tras detectarse por parte dalgúns usuarios transaccións sospeitosas nas súas contas e, tras unha investigación tiveron que anunciar que foron vítima dun ataque que inxectou código no apartado de pagamentos da súa páxina web.
Este código que operaba de xeito intermitente capturaba e enviaba datos directamente dende o navegador web do usuario. Os responsables de OnePlus eliminaron totalmente o código malicioso e implementaron novas medidas de seguridade noso seus sistemas.
Os usuarios que poderían verse afectados por este problema de seguridade son os que teñan introducido a súa tarxeta bancaria en OnePlus.net entre mediados de novembro de 2017 e o 11 de xaneiro de 2018, recibindo todos os afectados unha comunicación por correo electrónico dando conta desta vulneración da seguridade que non afectaría aos que pagaron a través de PayPal ou aos que tiveran introducido o seu número de tarxeta con anterioridade (xa que o roubo da información non se realizaba nos servidores da páxina web, senón no equipo do usuario).
Recomendan aos afectados (que poderían ser uns 40 mil) que comproben que non lles realizaron ningún cargo fraudulento ás súas tarxetas bancarias.

PUBLICIDADE