¡Rompe Ralph! estará dispoñible antes en dixital que en soporte físico nos EE.UU.

venres, 4 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Aínda que non sexan poucas as innovacións que están a facerse no eido da distribución audiovisual, desta volta sorprende que a compañía que se atreva a arriscar sexa a propia Disney, pois vén de anunciar que nos EE.UU. o seu novo filme ¡Rompe Ralph! vai comercializarse antes en formato dixital que en soporte físico. Concretamente a película estará dispoñible dende o 12 de febreiro en dixital (en alta definición e tamén en 3D) mentres que non será ata o 5 de marzo cando sairá en Blu-ray, DVD e plataformas dixitais en definición estándar. Dende Disney non concretan as plataformas nas que poderá accederse ao filme en alta definición de xeito anticipado, pero é de agardar que sexa unha distribución bastante limitada, e posiblemente este tipo de primicia sexa un reclamo para este tipo de servizos que aspiran a substituír os soportes físicos.
Nas tendas poderemos atopar as aventuras de Ralph nunha edición sinxela en DVD, nunha edición de 2 discos coa película en DVD e Blu-ray e nunha completa edición de 4 discos que incluiría as copias do filme en DVD, Blu-ray, Blu-ray 3D e copia dixital.

PUBLICIDADE