Román Rodríguez visita a rodaxe de Operación Marea Negra na antiga Fábrica de Armas da Coruña (hoxe Cidade das TIC)

luns, 18 de setembro do 2023 S. P.

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, visitou este luns 18 de setembro ao equipo da serie da plataforma de streaming Prime Video Operación Marea Negra. Fíxoo durante a rodaxe na Coruña coincidindo coa recta final da filmación da súa terceira e última temporada. A xornada de traballo desenvolveuse na antiga Fábrica de Armas (hoxe en día Cidade das TIC), unha das numerosas localizacións coruñesas desta nova quenda de cinco episodios.
Con ela, culmina o percorrido desta coprodución galego-portuguesa, encabezada pola compañía compostelá Ficción Producciones, que xa nas súas anteriores entregas tivo Galicia como escenario principal co apoio da Xunta a través de diferentes liñas de subvencións ao sector audiovisual galego.
O delegado territorial na Coruña, Gonzalo Trenor, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañaron o conselleiro no seu percorrido polo set xunto con Mamen Quintas e Julio Casal, produtores executivos por parte de Ficción Producciones; e os representantes de Prime Video, da Rádio e Televisão de Portugal (RTP) e da tamén portuguesa Ukbar.
Na súa visita, o conselleiro felicitou a parte do equipo técnico e artístico, composto por preto de 70 profesionais, dos que máis do 70 % son galegos. Igor Legarreta e Oskar Santos lideran a dirección desta nova entrega, que volve contar con Jorge López no papel protagonista xunto a un destacado reparto hispano-portugués no que figuran Óscar Jaenada, Bruno Gagliasso, Pêpê Rapazote, Soraia Chaves, Diego Anido, Luis Zahera ou Miguel de Lira, entre outros.

PUBLICIDADE