Román Rodríguez e Julián Cerviño presentan as novas e revolucionarias aulas AMI

luns, 4 de setembro do 2023 S. P.

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA), Julián Cerviño, visitaron este luns 4 de setembro o Colexio CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro, onde presentaron o novo concepto de Aulas AMI (Aulas Móbiles de Informática), que, sinalaron, “supón un paso máis na potenciación de metodoloxías de aprendizaxe innovadoras para favorecer o desenvolvemento do alumnado e o labor do profesorado cun mellor aproveitamento”. Será, dixeron, “un modelo metodolóxico de aprendizaxe más colaborativo, creativo e competencial”.
Para materializalo contarase con dúas liñas de infraestruturas que son froito da colaboración entre o departamento de Educación e a AMTEGA. Por unha banda, as infraestruturas físicas, modernizadas de xeito progresivo a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, cun investimento de 243M€ en marcha que “está posibilitando a construción, ampliación e rehabilitación de centros escolares en base a novos parámetros onde se prioriza o enfoque educativo destes espazos”, explicaron.
A segunda destas liñas son as infraestruturas tecnolóxicas, onde se inxiren os Polos Creativos, xa estreados o pasado curso en 225 centros e que, segundo explicaron Rodríguez e Cerviño, “iranse estendendo ao longo deste ano académico ao 100% dos centros cunha achega de 27M€ para favorecer as capacidades STEM e artísticas dos estudantes”. Aos polos súmanse as novas Aulas AMI presentadas este luns 4 de setembro en Vigo. Trátase dun conxunto de ordenadores portátiles, con carro de carga incorporado, que pode desprazarse a calquera aula do centro para convertela nunha aula dixitalizada, informaron.
“Agora xa non é o alumno quen vai a esa aula con ordenadores, senón que estes están á súa disposición, coa finalidade pedagóxica que estableza a docencia concreta”, explicou o conselleiro de Cultura e Educación, engadindo que cada Aula Móbil “terá suficientes portátiles como para que o grupo máis numeroso do centro dispoña dun por alumno en caso de ser necesario”. O investimento total é de 7,5M€. O seu despregue en centros de Primaria, como o visitado en Vigo, xa comezou e estenderase ao longo de 2024. Ao remate, terá distribuídos 13.000 equipos en 649 centros.
Por último, dentro deste proceso de modernización e dotación de ferramentas didácticas ao servizo do ensino, o 100% das aulas de Galicia van contar con paneis interactivos. Serán, en total, 14.026 cun investimento de preto de 50M€. Instalaranse nas aulas de referencia de cada grupo: as que comparten para o groso das materias. Este paneis chegarán, ademais, a 500 centros de ensinanzas como os conservatorios ou as escolas de idiomas.
Ceviño destacou que a nosa Comunidade “é hoxe unha sociedade dixitalmente madura, cunha educación plenamente dixitalizada, polo que os desafíos para o futuro implican camiñar na vangarda na aplicación das tecnoloxías que se atopan fase de desenvolvemento”.
En conxunto, os Polos Creativos, as Aulas Móbiles de Informática e a dotación de paneis interactivos supoñen un investimento total de 84 millóns que buscan “desenvolvementos didácticos e das aplicacións educativas ao servizo de alumnos e de profesores”, sinalou o conselleiro.

PUBLICIDADE