Román Rodríguez augura o maior dos éxitos para Rapa, a primeira proposta do Hub Audiovisual

luns, 3 de xaneiro do 2022 S. P.

Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Educación e Universidade, mantivo este 3 de xaneiro unha xuntanza co produtor executivo de Portocabo, Alfonso Blanco, para valorar o resultado da rodaxe en Galicia da serie Rapa, a nova produción da empresa galega e Movistar+ que é, ademais, a primeira proposta realizada ao abeiro do fondo de atracción de rodaxes do Hub Audiovisual da Xunta.
No encontro, no que tamén participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, expuxéronse os detalles da filmación levada a cabo durante dous meses en distintas localizacións da serra da Capelada e de varios concellos desta zona da provincia da Coruña.
Rapa é como dixemos a primeira proposta realizada ao abeiro do novo Hub Audiovisual da Industria Cultural da Xunta e, en concreto, do seu fondo para a atracción de rodaxes, no marco do que resultou adxudicataria dunha axuda de 300.000 euros. Con esta medida específica do Hub, o Goberno galego ofrécelles “unha nova inxección económica ás empresas galegas que leven a cabo proxectos xunto con produtoras, canles de televisión e plataformas de fóra de Galicia”. Un dos principais requisitos consiste na realización dun investimento mínimo en Galicia: 1M€ para longas cinematográficas de ficción e animación e 1,5 M€ para as series de ficción. No caso de Rapa o gasto realizado a raíz da súa rodaxe durante máis de dous meses na nosa Comunidade multiplica por 10 a contía da subvención concedida, xa que este se estima superior aos 3M€.
Na reunión Rodríguez e Sutil tamén tiveron ocasión de coñecer detalles dos vindeiros proxectos de Portocabo, que é tamén responsábel da serie Hierro, unha das series de meirande éxito das achegadas nestes últimos anos polas produtoras do ámbito europeo. Así, a empresa coruñesa prepara xa unha secuela do exitoso filme Cuñados, que acaba de obter apoio da Xunta para a súa posta en marcha a través das subvencións ao desenvolvemento audiovisual.
Rodaxe na Capelada
Rapa, rodada en parte nos cumios e cantís da Capelada (Cedeira), estrearase como dixemos en 2022. Con media ducia de episodios, vén da man de Pepe Coira e Fran Araújo (creadores), e está dirixida por Jorge Coira, contando con Javier Cámara e Mónica López como protagonistas.
O pano de fondo é a tradicional Rapa das Bestas de Cedeira, o primeiro domingo do mes de xuño no Curro da Capelada, o único día do ano en que os cabalos que corren ceibos polas alturas da serra deixan ser libres. No marco da celebración dunha tradición que “sintetiza o belo e o salvaxe”, é asasinada Amparo Seoane, alcaldesa da localidade. Resolver o crime é o obxectivo común de Tomás, mestre local, e Maite, un sarxento da garda civil. E converterase en algo máis: unha boa razón para vivir.
A rodaxe fíxose integramente en Galicia, nas localidades de Cedeira e Ferrol.
Únense a Javier Cámara e Mónica López, os actores Lucía Veiga, Eva Fernández, Toni Salgado, Ricardo Barreiro, Berta Ojea, Jorge Bosch, Santi Prego, Paula Morado, Adrián Ríos, Iria Sobrado, Tito Asorey, Mabel Rivera, Víctor Mosqueira, Nacho Castaño e Lara Boedo.

PUBLICIDADE