Rodríguez del Corral sostén que as incidencias de R foron só responsabilidade de R

venres, 30 de decembro do 2016 Redacción

As incidencias no servizo de voz e datos de R dos pasados 23 e 24 de decembro aínda se deixan notar. Logo das desculpas emitidas pola propia compañía a véspera de Nadal, desculpas que motivaron a cifra nada desprezábel de medio milleiro de comentarios (algúns deles comprensivos e outros non tanto, mentres R mantén o tipo e as boas maneiras cos usuarios máis alporizados), onte mesmo, o presidente do Clúster TIC de Galicia e director de Innovación de R, Antonio Rodríguez del Corral, veu a asegurar nunha entrevista coa Radio Galega que a única responsábel do fallo masivo foi exclusivamente R (en alusión ao comunicado da compañía de raizame galega no que responsabilizaba a Vodafone das incidencias, comunicado que, por certo, tamén foi contestado punto por punto por Vodafone). En consecuencia, Rodríguez del Corral sinalou que a empresa “terá que facer fronte ás indemnizacións”.
Segundo fixo saber, a orixe da avaría estivo nunha saturación do servizo. Máis polo miúdo, aconteceu que “moitos móbiles quixeron rexistrarse ao mesmo tempo” e “esa avalancha de rexistros colapsou o sistema”.
Por certo que R xa informou esta semana (no mesmo comunicado no que pedía desculpas) que compensará na factura de xaneiro cinco veces o tempo da duración da avaría dos seus usuarios. Segundo a operadora, a orixe do problema estivo nun incremento sen conto do fluxo de mensaxes comerciais enviados a usuarios de R por parte de Vodafone.
Como lembraremos, a devandita incidencia deixou sen servizo de voz e datos e, tamén, sen servizo de atención ao cliente a unha chea de usuarios da compañía de orixe galega. O servizo de chamadas para todas as liñas foi recuperado ás 00.14 horas do día 24, sendo emendado algo máis tarde o servizo de datos.

PUBLICIDADE