Roberto Brenlla expón en Lugo as vantaxes do uso do software libre nas empresas

mércores, 27 de maio do 2009 Raquel Noya

Brenlla durante a presentación do BrOffice.org en Compostela

Roberto Brenlla, socio fundador de AGNIX, promotor da distribución GNU/Linux en galego e un dos defensores do software libre máis coñecido en Galicia pola súa fervorosa defensa das aplicacións abertas nas empresas, vaille brindar a tódolos seareiros dos programas abertos e seguidores das múltiples funcionalidades que estes ofrecen, a oportunidade de coñecer de primeira man as vantaxes do seu uso na empresa como base da súa independencia tecnolóxica.
O que ata o 2006 fora presidente da Asociación de Software Libre AGNIX e que no 2004 creou a consultora tecnolóxica e informática C.T.I TEGNIX, especializada en integración de solucións abertas, vai ter a palabra na xornada Vantaxes dunha infraestrutura informática libre na empresa, organizada pola Sala de Innovación Tecnolóxica Empresarial da Fundación CEL (SITE) no marco do seu Proxecto ETIC, que terá lugar mañá xoves ás 19:00 horas no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.
O eixe central do relatorio será a exposición das vantaxes que lle poden supoñer aos empresarios a implantación do software libre nos seus negocios, xa que, nos tempos que corren, este tipo de aplicacións son máis beneficiosas que as privativas ao contar cun menor investimento e permitir a súa personalización de xeito doado.
Á finalización do evento terá lugar o sorteo dun netbook Asus Eee Pc 901 con sistema operativo Linux entre os asistentes.

PUBLICIDADE