Roberto Brenlla e GPUL amosan como facer actividade empresarial rendíbel con software libre

luns, 6 de abril do 2015 Fernando Sarasketa

O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), con centro de operacións na Facultade de Informática da Universidade da Coruña, anunciou que ten preparada para este xoves 9 de abril unha charla sobre modelos de negocio baseados en software libre. Ou sexa, un faladoiro onde se expoñan (e se comenten entre todas e todos) exemplos de metodoloxías para facer rendíbel no económico unha iniciativa empresarial baseada en código aberto, e amosar tamén casos concretos desta opción real de mercado. A cita é ás 17.00 horas no laboratorio 0.1w da Facultade de Informática da UDC. A xornada desenvólvese baixo o epígrafe Modelos de negocio colaborativos, porque o Software Libre domina no mercado?
Segundo apuntan dende GPUL, a sesión enmárcase no seu obxectivo xeral de visualizar como a programación aberta fornece “moreas de valores e vantaxes fronte a alternativas privativas”. A xornada responde a unha arela dos organizadores que xa vén de antigo: a arela de tirar proveito do auxe do emprendemento TIC en Galicia para amosar aqueles proxectos que se están a pór en marcha relacionados co software libre, “deixando claro que existen alternativas aos modelos de negocio tradicionais, respectando as liberdades do posíbel cliente e mesmo axilizando o desenvolvemento e a expansión dunha iniciativa empresarial baseada en open source”.
A cita contará coa presenza de Roberto Brenlla, un dos meirandes expertos da nosa terra e do ámbito estatal en materia de actividades empresariais ligadas aos modelos de código aberto. Segundo nos lembran dende GPUL, Roberto estudou económicas na Universidade de Santiago de Compostela e foi un dos fundadores da empresa galega Tegnix, adicada a consultoría baseada en software libre e a xestión de sistemas en contornas empresariais, traballando tamén en proxectos para a administración pública como o proxecto Abalar da Xunta de Galicia con máis de 75.000 equipos xestionados de maneira remota.

PUBLICIDADE