Roberto Baratta impartirá en Santiago un workshop sobre seguridade en organizacións

luns, 30 de setembro do 2013 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) informa que vén de abrir o prazo para inscribírmonos no seu Workshop Debate sobre a Xestión da Seguridade en Organizacións, que impartirá Roberto Baratta en Santiago de Compostela durante os días 18, 19, 25 e 26 de outubro. Segundo nos lembra o CPEIG, calquera organización de nivel medio ten que cumprir uns requisitos básicos de seguridade nos seus sistemas, e esta actividade a desenvolver en outubro pretende ser un foro de debate onde poder expresar dúbidas, coñecer técnicas de xestión, tendencias do mercado, posibilidades de desenvolvemento profesional e como afrontar os devanditos desafíos. O Colexio tamén salienta que non se trata dun curso práctico de técnicas de seguridade ou hacking.
Entre os temas a tratar en fondura, inclúense os seguintes: principios de seguridade da información, dominios de seguridade baseados no (ISC) 2 CBK, control de acceso, seguridade en redes e telecomunicacións, goberno e xestión de riscos, seguridade no desenvolvemento de software, criptografía, arquitectura e deseño de seguridade, operacións de seguridade, continuidade do negocio e recuperación de desastres, lexislación e investigación, seguridade física, etc.
Como lembraremos, Roberto Baratta forma parte na actualidade de NovaGalicia Banco desempeñando o posto de CISO e xerente de Seguridade TI. Dende a súa incorporación ven desenvolvendo varios postos: responsábel de Operación Seguridade Informática, xefe de seguridade TIC, administrador de sistemas ou analista de computación.

PUBLICIDADE