Roberto Baratta expón as múltiples saídas profesionais do alumnado especializado en ciberseguridade

xoves, 11 de maio do 2017 Redacción

Íñigo Cuíñas, director da EE de Telecomunicación, Rubén Frieiro, socio de Riscos de Deloitte e Roberto Baratta, director de Prevención de Perdas de ABANCA

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do Campus de Vigo acolleu onte un encontro con o director de Prevención de Perdas, Continuidade de Negocio e Seguridade de ABANCA, Roberto Baratta, que abordou no relatorio Ciberseguridade, unha carreira profesional, as diferentes e moi variadas xanelas profesionais que ofrece o ámbito específico da protección TIC para o alumnado da dita Escola. Asemade, tamén abordou as diferentes liñas profesionais polas que poden optar as/os estudantes, cales son as habilidades e perfís para cada caso e cal é a situación do mercado en xeral e en Galicia en particular. En palabras de Baratta, non é certo que os mercados galego e estatal estean aínda por desenvolver (en relación a moitos dos países máis avanzados no eido da ciberseguridade), máis ben o contrario: é un mercado maduro, “dos mellores do mundo”, pero que ten unha aínda unha eiva importante: existe un baleiro importante de profesionais cualificados e formados especificamente.
A conferencia de Baratta insírese no ciclo Líderes que inspiran seguridade da Cátedra Deloitte de Ciberseguridade da Universidade de Vigo, que ten a finalidade, segundo explicou o director da Escola, Íñigo Cuiñas “de pór en valor a ciberseguridade para que a xente teña en conta a importancia deste ámbito, que non só afecta a persoas ligadas ao mundo das telecomunicacións ou da informática, senón a calquera persoa que manexe información dixital”.
Segundo explicou Baratta facendo fincapé nos importantes camiños profesionais que se abren ao abeiro da salvagarda dos datos, das redes, dos servidores e das comunicacións, a ciberseguridade é “una condición inherente ao modelo dixital e imprescindíbel para o correcto funcionamento e desempeño da sociedade nel, e responde así mesmo ao traslado e auxe da delincuencia nestes novos escenarios”. En consecuencia, o regulamento en sectores como a administración, o financeiro e as telecomunicacións “esixe altos niveis de ciberseguridade para dar resposta a estes novos retos”.
Co dito relatorio inaugurouse o ciclo Líderes que inspiran seguridade da Cátedra Deloitte de Ciberseguridade, que terá continuidade o vindeiro mes de setembro con novas conferencias, nas que se abordarán diferentes temáticas relacionadas co ámbito da protección e a salvagarda dos datos e das comunicacións.

PUBLICIDADE