Ridícula multa a Facebook en Reino Unido polo escándalo de Cambridge Analytica

mércores, 11 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Máis aló do problema de imaxe que supuxo, o escándalo de Cambridge Analytica semella que está a saírlle barato a Facebook, pois as autoridades de protección de datos no Reino Unido impuxéronlle a meirande sanción posible pola filtración de datos, que resulta ser só de 500.000 libras esterlinas (565 mil euros), multa totalmente ridícula se temos en conta que coa aplicación do presente Regulamento Xeral de Protección de Datos a nivel europeo a cantidade tería ascendido aos 1.600 millóns de dólares, o que si faría que Facebook escarmentase dunhas prácticas que non tería abandonado por completo (especialmente se temos en conta a cantidade de informacións que foron chegando nos últimos meses, dando conta de cada vez máis casos de desleixo no tratamento de datos persoais por parte da compañía de Mark Zuckerberg).
Cómpre matizar que no caso británico as autoridades tamén emprenderon accións contra SCL Elections, compañía da que dependía Cambridge Analytica, e actualmente disolta. Neste caso falariamos dun proceso pola vía penal. Tamén quedan sen dilucidar as responsabilidades dos partidos políticos que fixeron uso da información adquirida a través desta compañía.

PUBLICIDADE