Richard Stallman, un dos pratos fortes da Galicia Maker Faire

luns, 18 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

O monte Gaiás de Santiago, emprazamento da Cidade da Cultura de Galicia, será no mes de novembro o gran referente do movemento argalleiro e auto-desenvolvedor. Ou sexa, do colectivo Maker, ou, o que o é o mesmo: a gran fronte internacional de xente que se xunta para botaren abaixo os límites da creación tecnolóxica de cada quen, individuais, colectivos, reais ou imaxinarios. Esta gran fronte, que ten cada vez máis adeptos e seareiros na nosa terra, ten unha cita a marcar no calendario os días 24, 25 e 26 de novembro, a Galicia Maker Faire de Santiago. Como era de agardar, tratándose como se trata o movemento Maker dunha gran casa integradora, con portas e xanelas abertas, todas e todos estamos convidados. Entre os puntos fortes do programa figura un que vimos de coñecer: a presenza na quedada de Richard Stallman, o creador do movemento do software libre a nivel mundial.
Stallman, que ofrecerá unha charla no evento, é unha das figuras máis sobranceiras do movemento do software libre a nivel mundial, coñecido por ter creado en 1983 o sistema operativo GNU, actualmente parte de GNU/Linux, a primeira alternativa aos principais sistemas operativos propietarios: Windows e MacOS. Entre os seus principais cometidos cómpre salientar o de acadar, a través da súa fundación Free Software Foundation, unha meirande concienciación entre os gobernos para que empreguen programas abertos tanto a nivel de xestión e uso cotián como nas escolas públicas.
Segundo informa a organización, amais da charla de Richard Stallman, o programa achegará unha manchea de actividades de divulgación e lecer orientadas a tódolos públicos e disciplinas: obradoiros de innovación e creatividade, campionatos de drones, robótica, actuacións interactivas e moito máis.
A día de hoxe fica aberta a convocatoria para todo aquel que queira participar nesta vindeira edición, tanto na categoría de Maker como de Minimaker (proxectos infantís). O prazo de inscrición remata o 15 de outubro.
O evento vén da man de VermisLAB e O Gato Cósmico, do Concello de Santiago (Concellería de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo) e da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.
Na presentación da feira, celebrada o pasado mes de maio, fíxose saber que durante as edicións de 2015 e 2016 acudiron máis de 24.000 asistentes e máis de 300 makers dando conta dos seus enxeños, converténdose “en punto de encontro dos mellores creadores da Comunidade e axudando a potenciar unha Galicia máis innovadora e colaborativa”, explicouse.
Nesta nova edición, ademais, puxéronse en xogo unha serie de novidades. Por exemplo o cambio de emprazamento, que pasa a ser a Cidade da Cultura, con todo o que de visibilidade e amplitude implica o troco de localización. Ademais, a feira terá un día máis de actividade, o venres 24 de novembro, que se reservará para o sector profesional, “favorecendo que os expositores poidan dirixir dun xeito máis óptimo a súa oferta de produtos e servizos, diversificándose en función do diferente público obxectivo”. A fin de semana do 25 e 26 manterase para o público xeral.
A cousa Maker
O movemento Maker desenvólvese arredor do “fágao vostede mesmo”, “Do it Yourself” en inglés, do software libre e da innovación aberta. O termo Maker é unha palabra acuñada por Dale Dougherty, fundador en 2005 da revista Make, que lle dá nome ó que se levaba facendo dende anos antes nos hackerspaces e fablabs: milleiros de artistas, enxeñeiros, programadores, autodidactas e seareiros dos programas libres de todo o mundo compartindo ideas, experiencias e proxectos, creando unha nova cultura baseada na colaboración e libre acceso á tecnoloxía.

PUBLICIDADE