Ribeira declarada localidade amiga da Rede Española de Cidades Intelixentes

martes, 30 de novembro do 2021 S. P.

O alcalde ribeirense, Manuel Ruíz, no congreso da RECI que se está a celebrar en Valencia

Ribeira vén de ser aceptada como “localidade amiga” da Rede Española de Cidades Intelixentes (RECI). Así o confirmou esta semana o propio alcalde ribeirense, Manuel Ruiz, quen está a participar en Valencia no primeiro congreso desta entidade que, organizado en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), ten como principal obxectivo “abordar a actualidade relativa á transformación dixital das urbes nun momento en que a pandemia e os fondos Next Generation elévana á máxima prioridade”.
RECI está conformada por 89 cidades membro e 40 localidades amigas de toda a xeografía estatal, ademais de dúas entidades asociadas (Red.es e o Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación). Ten como obxecto a xeración dunha dinámica que propicie unha xestión eficiente das infraestruturas e os servizos urbanos, a redución do gasto público e a mellora da calidade dos servizos sobre a base da innovación e o coñecemento para o seu progreso.
O Primeiro Congreso Nacional da Rede Española de Cidades Intelixentes nace co obxectivo de servir de espazo de colaboración para poñer en común tendencias, boas prácticas e retos que contribúan a consecución de localidades autenticamente innovadoras.

PUBLICIDADE