Ribeira crea un banco de empréstamo de computadores para axudar ao alumnado sen equipo informático

xoves, 9 de abril do 2020 S. P.

O Estado de Alarma deixou a moitas familias sen posibilidade de proseguir coa educación dos seus fillos dende o fogar, ao non ter os recursos para dispoñer nos domicilios de dispositivos tecnolóxicos (computadores, portátiles, tabletas) e conexión á Rede. O Concello de Ribeira quixo saír ao paso desta necesidade, polo que vén de activar un banco de préstamo de ordenadores que irán destinados ao alumnado que non dispoña do material informático preciso. O obxectivo é que todo o mundo poida asegurar a continuidade da actividade docente a través da formación a distancia.
Mediante esta iniciativa, convídase a todas aquelas veciñas e veciños que teñan un equipo informático en desuso a que o cedan en préstamo ou mesmo o dean en doazón. Basta chamar para isto ao número 981 870 933, onde se lle tomarán ao doante dos datos pertinentes e mobilizarase ao servizo de emerxencias ou voluntarios de Protección Civil para facerse cargo do procedemento.
A día de hoxe, segundo ten constancia o Concello, hai uns 30 alumnos do termo municipal que teñen esta necesidade. De maneira paralela, dende a Administración local informouse de que se están a facer xestións complementarias orientadas na mesma dirección, tanto a través do aluguer de equipos informáticos como da provisión de conexión de Internet a quen non ten este servizo.

PUBLICIDADE