Ribeira achega formación tecnolóxica para mulleres desempregadas na aula CeMIT

venres, 16 de outubro do 2020 S. P.

A aula CeMIT de Ribeira vai acoller este mes, os días 28, 29 e 30 de outubro, máis os días 2 e 3 de novembro, un programa formativo denominado Muller TIC, co que, tal e como se indica no seu nome, achegar coñecementos en novas tecnoloxías a mulleres desempregadas e co obxectivo de mellorar ao máximo o seu currículo e as posibilidades de atopar un posto de traballo. As sesións levaranse a cabo en horario de 10.30 a 14.30 horas. O programa vai dirixido a mulleres no paro coa tarxeta do Servizo Público de Emprego activa ou en situación de vulnerabilidade.
Trátase dunha acción promovida pola Concellería de Administración, Innovación Tecnolóxica e Participación Cidadá de Ribeira. Achegaranse recursos de capacitación dixital a un mínimo de 8 mulleres e un máximo de 20 prazas a través da colaboración da axencia AMTEGA. As clases vanse impartir na aula CeMIT que o Concello de Ribeira dispón na rúa Cubeliños, 1. Toda a información sobre o programa formativo está a disposición das persoas interesadas na web da aula CeMIT local ou ben a través do teléfono 988 107 629.
Ademais, dúas usuarias que o soliciten poderán asistir a un servizo de asesoramento (mentoring) de autoemprego no que recibirán axuda e apoio para emprender o seu propio proxecto.

PUBLICIDADE