Ribadeo dixitaliza os seus documentos históricos desde 1573

venres, 27 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Ribadeo vén de dixitalizar os seus documentos históricos dende 1573. O traballo foille encargado á empresa tecnolóxica Unayta, con sede principal de operacións en Milladoiro (Ames). O labor de tratamento, transformación e preservación dos fondos tivo a súa orixe na necesidade de conservar e dispoñibilizar o importante patrimonio histórico do concello de Mariña lucense, un recurso de primeira orde para pescudar na historia da comarca e da provincia. Os traballos levados a cabo por Unayta culminan o que sería, nas súas palabras, un “ano intenso en canto a traballos nos concellos de toda a Comunidade galega”.
Segundo engade a empresa, a dixitalización levada a cabo en Ribadeo permitirá “unha mellor conservación dos documentos ao mesmo tempo que facilitará a súa difusión e a súa consulta por parte dos distintos investigadores, historiadores e os propios veciños de municipio”.
O obxectivo principal do Concello consistía na captura dixital dunha parte do fondo histórico e na consecuente xeración dos metadatos para a descrición da documentación. O proceso de dixitalización dos documentos foi levado a cabo por varios técnicos especializados que se desprazaron até o municipio entre os meses de xullo e outubro. O resultado final, informa Unayta, está composto por máis de 25.000 imaxes, pertencentes a tres series documentais: en primeiro lugar as actas de sesión do Pleno e comisión de Goberno (desde 1945 a 1973), en segundo lugar a documentación do Hospital de San Lázaro e San Sebastián (os libros de rexistro desde 1573 a 1773), e en terceiro lugar os expedientes de Quintas.
O remate do traballo formalizouse en outubro, cando Lorena Martín, profesional de Unayta, desprazouse até Ribadeo para entregar unha copia de preservación e unha copia de difusión ao alcalde Fernando Suárez. Grazas ao traballo realizado unha parte do fondo documental municipal estará accesíbel tanto desde a web do Concello como na Biblioteca Dixital de Galicia (Galiciana).

PUBLICIDADE