Retegal reforza as súas infraestruturas en Lugo para avanzar na implantación da banda larga

luns, 2 de agosto do 2010 Redacción

O operador público de telecomunicacións Retegal está a desenvolver un importante plan de reforzo das súas infraestruturas na provincia de Lugo, segundo o previsto nunha das liñas estratéxicas do Plan de Banda Larga 2010-2013, que contempla entre as súas accións fundamentais a dotación de máis medios a Retegal converténdoo nunha ferramenta que permita optimizar e acelerar a extensión da banda larga. Esta medida permitirá o aproveitamento de toda a infraestrutura pública actual e a redución dos custos do despregamento e suporá un investimento para reforzar as infraestruturas de Retegal na provincia luguesa superior aos 7,7 millóns de euros no período 2010-2013, o que supón o 23% dos investimentos totais previstos pola Xunta na Comunidade para esta acción concreta do Plan de Banda Larga 2010-2013.
A principal liña de investimento desta actuación será o tendido de máis de 200 novos quilómetros de fibra óptica para unir diversos centros de telecomunicacións de Retegal distribuídos pola provincia de Lugo e que permitirá a conexión destes á alta velocidade. Estes centros uniranse tamén co resto dos 400 centros e microcentros de telecomunicacións de Retegal en toda Galicia mediante radioenlaces.
Outras liñas de investimento que se están a realizar implican a execución de novos centros de telecomunicacións ou o reforzamento dos existentes, construíndo novas torres, dotándoos de sistemas de alimentación eléctrica ou acondicionando as instalacións á fin de poder prestar servizos de telecomunicacións axeitados. Sobre esta infraestrutura física se está a constituír tamén unha rede de transmisión de alta velocidade mediante tecnoloxías de última xeración (MPLS e WDM), con taxas de transferencia de 10 GB entre localizacións de Retegal.

PUBLICIDADE