Representantes da Universidade Área Andina de Colombia visitan a sede do CITIC

luns, 11 de setembro do 2017 Redacción

O pasado 8 de setembro, unha delegación da Universidade Área Andina de Colombia visitou as instalacións do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC. Na visita participaron a reitora reitora da sede de Valledupar da dita institución académica colombiana, Gelca Gutiérrez, e ao director de Relacións Internacionais, Fernando Téllez, quen tiveron ocasión de coñecer os moitos e variados ámbitos de investigación nos que traballa o CITIC (arquitectura de computadores, tecnoloxía electrónica e comunicacións, bases de datos, intelixencia artificial, modelado e inferencia estatística, sistemas adaptativos, intelixencia matemática, visión artificial, etc).
Gutiérrez e Téllez foron recibidos polo coordinador do CITIC, Manuel F. González Penedo. A estadía na Coruña dos representantes da Universidade Área Andina tivo como obxectivo perfilar os aspectos dunha colaboración entre as dúas institucións para a realización de intercambios de docentes e estudantes.
Segundo fixo saber a UDC, a dita colaboración comezará a concretarse este mesmo curso. Así, alén dos alumnos que poidan vir en canto se formalicen os detalles da alianza, para este ano académico está previsto que, a raíz doutros contactos realizados pola UDC en Colombia, cinco alumnos dese país realicen nos Campus da Coruña e Ferrol os seus estudos de grao.
Durante a visita, os representantes da Universidade Área Andina manifestaron o seu interese nos títulos de Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais e o Mestrado en Eficiencia e Aproveitamento Enerxético e nas liñas de traballo despregadas pola UDC en materia de responsabilidade social universitaria (por exemplo a través da Cátedra UDC-Inditex de Responsabilidade Social).

PUBLICIDADE