Rematan as especificacións do USB 3.0

luns, 17 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Os conectores mini B para USB 3.0 son os que presentan a aparencia máis rechamante

O USB Promoter Group presenta hoxe oficialmente as especificacións do que serán os portos USB 3.0, que tamén se coñecerán coma SuperSpeed USB, que supoñen unha impresionante mellora de velocidade con respecto do estándar anterior, xa que pasa dos 480 Mbps do USB 2.0 a 4,8 Gbps, o que permitiría transferir en 70 segundos unha película de alta definición de 25 Gb, mentres que cunha conexións USB 2.0 precisaría de 13,9 minutos e cunha USB 1.0 nada menos que 9,3 horas.
O novo estándar tamén busca manter velocidades de transferencia sostidas, o que resulta especialmente útil para o volcado de vídeo dende cámaras, e tamén emprega máis enerxía, o que permitirá que a carga de dispositivos a través deste tipo de porto poida realizarse en menor tempo.

Os conectores A para USB 3.0 son moi semellantes aos actuais externamente

Os portos USB 3.0 serán compatibles cos dispositivos para versións anteriores de USB, pero os trebellos que queiran tirar proveito desta tecnoloxía deberán empregar novos cables (cunha lonxitude máxima de 3 metros de querer aproveitar as máximas velocidades deste tipo de comunicacións), que se diferenciarán por novos conectores, que serían o A estándar (semellante ao actual), o B estándar (con forma cadrada), o mini B (que parece estar formado por dous conectores) e o micro.
Haberá que agardar á segunda metade de 2009 para ver compoñentes que soporten o USB 3.0 para que cheguen ao mercado produtos con esta tecnoloxía en 2010.

PUBLICIDADE