Remata o soporte de Windows 7

martes, 14 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

Tras dez anos chegou a data que moitos temían, e hoxe remata o soporte de Windows 7, de xeito que os equipos con este vello sistema operativo de Microsoft continuarán a funcionar, pero deixarán de recibir soporte técnico para problemas, actualizacións de software e actualizacións de seguridade ou correccións, ou sexa, que Windows 7 poderá seguir a empregarse, pero correndo un serio risco de seguridade ante diversidade de malware, polo que dende Microsoft recomendan dar o salto a Windows 10.
Cómpre lembrar que agora está a rematar o soporte estendido de Windows 7 SP1, xa que o soporte ordinario rematou o 13 de xaneiro de 2015, de xeito que os afectados polo cesamento do soporte tiveron tempo dabondo para adaptarse á nova situación.
Microsoft tamén lembra que os equipos moi antigos, construídos orixinalmente con Windows 10, executan tecnoloxía que ten 10 anos, e aínda que Windows 10 mantén boa parte destas tecnoloxías, incorpora moitas outras que melloran considerablemente a experiencia de uso, e que non sempre funcionarán con certo hardware, polo que animan aos usuarios a adquirir un equipo novo con Windows 10 preinstalado, que poida gozar das novas funcións de seguridade, dunha velocidade moi superior e de novos tipos de interaccións co sistema.

PUBLICIDADE