Remata o prazo para enviarmos as nosas propostas youtubeiras
martes, 20 de febreiro do 2018
Hoxe
remata o prazo para presentar contribucións a unha das grandes
novidades da edición 2018 do certame Youtubeir@s.
Estamos a falar do apartado Premio do público, unha categoría na
que poden participar as persoas usuarias de Facebook, e poderán
facelo propoñendo (cun comentario no perfil de Youtubeir@s) un vídeo
do que sexan seareiros/as incluíndo o cancelo #propostayoutubeira.
As pezas propostas han de axeitarse ás categorías de vídeo-facermos
e vídeo-opinarmos. Con todas as contribucións recibidas crearase un
álbum na páxina de Facebook do certame para que todo o mundo poida
votar polos seus vídeos favoritos, a través de “gústame”. Esta
votación realizarase do 25 de febreiro ao 15 de marzo.
Os
cinco vídeos que reciban máis “gústame” nese prazo pasarán ao
xurado dos premios. Deles escollerase, seguindo os criterios das
bases xerais, o Premio do Público #PropostaYoutubeira, valorado en
500 €.
O
certame Youtubeir@s,
que vai pola súa segunda
edición, ten o obxectivo é ateigar a Rede de vídeos na nosa
lingua, fomentando a creatividade con temas propios e xerando
referentes en galego. O proxecto vén da man dos servizos de
normalización lingüística de nove concellos (Baña, Ames,
Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove), das
nosas tres universidades e da Deputación da Coruña. Tamén se
recordou que outra das finalidades é fomentar a creatividade con
temas propios ao tempo que se xeran referentes en galego.
Na
edición presente haberá 5.500 euros en premios. A convocatoria 2017
saldouse cunhas importantes cifras de convocatoria, con máis de 200
vídeos presentados da man de internautas de idades comprendidas
entre os 17 e os 30 anos. Nos galardóns poderán participar “todas
as persoas maiores de 14 anos a través de vídeos de opinión ou
videotitoriais autoproducidos en galego subidos a Youtube de xeito
independente ou nunha canle”. As pezas deberán estar publicadas
con data posterior ao 28 de abril de 2017 sen restricións de
privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición.
Os
devanditos 5.500 euros repartiranse nun conxunto de categorías que
incrementan o seu número con respecto ao ano pasado. Así, o certame
dividirase nos seguintes apartados: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos,
canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica,
calidade lingüística e o premio do público. Este último galardón,
chamado #propostayoutubeira, é unha das grandes novidades deste ano.
Como dixemos antes, a través deste premio, os membros de Facebook
poderán propoñer a través dun comentario no perfil de Youtubeir@s
un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo o cancelo
#propostayotubeira.
As
bases ao completo pódense consultar na web youtubeiras.gal e os
premios entregaranse o vindeiro 20 de abril de 2018 nun acto público
na Coruña no cal o xurado dará a coñecer os vídeos gañadores.