Remata o contencioso administrativo impulsado polos colexios de Informática contra o CSIC

venres, 24 de xaneiro do 2014 Redacción

Segundo nos informa o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), finalmente atopouse solución para o contencioso administrativo interposto polo Consello Xeral de Colexios de Enxeñaría en Informática (CCII, no que se integra dende a nosa terra o CPEIG) contra o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Este procedemento aberto a instancias do CCII, como lembraremos, veu dado por terse sacado a concurso dende o CSIC unha praza de competencias eminentemente informáticas excluíndo aos titulados en Enxeñaría Informática. O CSIC anulou finalmente proceso de selección.
Recordar que o recurso aberto polo Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñaría en Informática (CCII) realizouse a través do Xulgado Central do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional por mor dunha convocatoria de praza laboral no CSIC (Centro Superior de Investigacións Científicas), onde as competencias requiridas para a ocupación da devandita praza coinciden coas adquiridas polos profesionais da Enxeñaría Informática nas Universidades Españolas. Porén, entre as titulacións universitarias superiores esixidas para optar á devandita praza non figuraba a devandita, o que foi considerado dende o Consello Xeral “incomprensíbel e inasumíbel”.
A vista fixouse para ou pasado 15 de xaneiro de 2014, non chegando a celebrarse a mesma por “desaparición do obxecto do procedemento", ou sea, por ter anulado o CSIC a convocatoria do posto de traballo obxecto do recurso. Desde o Consello Xeral congratúlanse da decisión tomada polo CSIC e da súa capacidade para recapacitar nun problema que afecta a toda a profesión informática no Estado.

PUBLICIDADE