Remata a folga de guionistas nos EE.UU. pondo cancelas á IA

mércores, 27 de setembro do 2023 Marcus Fernández

O Gremio de Escritores de América (WGA), principal sindicato de guionistas nos EE.UU., anunciou o remate da súa longa folga tras chegar a un acordo coa Alianza de Produtores de Cine e Televisión (AMPTP) que representa a estudios e plataformas de streaming. O acordo acadado entre as partes reflíctese nun documento de 94 páxinas no que recollen mellores compensacións económicas e unha maior transparencia sobre as audiencias (tema bastante opaco no mundo do streaming), aínda que o máis rechamante sería o logrado no ámbito da intelixencia artificial.
Os guionistas conseguiron que a intelixencia artificial non poida considerarse como un autor máis, ou sexa, que a IA quedaría como unha simple ferramenta, e as compañías non poderían obrigar aos escritores a empregar tal ferramenta e terían que informar cando o material co que teñan que traballar fose xerado por unha IA.
Sobre empregar o material creado polos guionistas para adestrar intelixencias artificiais, non se conseguiu unha prohibición total, pero si o recoñecemento de que é un asunto por determinar legalmente, aceptando que os creadores poidan oporse ao uso das súas obras nos adestramentos de IA.

PUBLICIDADE