Reivindican o papel dos traballadores maiores como mentores de empresas tecnolóxicas

venres, 3 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

Estes días tense falado moito, sobre todo en Internet, das novas xeracións coñecidas de xeito coloquial como cibernenos, formadas por cativos que se crían rodeados das novas tecnoloxías e que, xa antes dos catro anos, teñen na súa maioría contacto continuo cos computadores e outros aparellos descoñecidos para moitos maiores.
Isto significa que a súa experiencia coas ferramentas tecnolóxicas ven forxada dende moi cedo, co que non teñen problema en loitar cos últimos avances da era dixital. Son moitos os profesionais que opinan que o eido das novas tecnoloxías require traballadores novos e cheos de enerxía, en detrimento da experiencia dos maiores, ós que consideran sobre todo persoas con dificultades para afacerse á tecnoloxía.
Agora, esta afirmación (ou, mellor dito, esta suposición) ben podería comezar a caer polo seu propio peso, pois segundo explica Phil Murphy nunha investigación elaborada para evitar disturbios entre traballadores mozos e maduros nunha mesma empresa, “un terzo dos segundos non teñen problema algún coa xestión das novas tecnoloxías e as súas arelas por aprender só requiren un estímulo e acceso ás ferramentas”. Así pois, os traballadores maiores das empresas, no canto de retirarse en masa -como se cría até hai ben pouco- convértense en case imprescindibles como mentores que colaboran cos empregados máis novos.
O informe tamén advirte que a clave para pór en marcha un negocio tecnolóxico con éxito non está en desfacerse de toda unha franxa de idade, senón que figura en saber combinar os coñecementos de distintas xeracións e aproveitar mellor as diferentes habilidades de cada un.

PUBLICIDADE