Reducen a dous metros a marxe de erro da tecnoloxía GPS

venres, 15 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

Lonxe quedan os tempos en que os navegantes, con axuda do estudo pormenorizado das estrelas, ficaban satisfeitos resolvendo a súa posición cuns cantos quilómetros de marxe de erro. Isto foi, en tempos, cousa habitual e para algúns navegantes, o máximo que podían obter. Logo, a marxe foise reducindo, paseniño iso si, até que chegou o GPS, e xa deixamos de falar de distancias longas e medias á hora de dar conta de posíbeis inexactitudes. Con todo, a marxe raramente baixou co GPS dos 15 metros para persoas ou vehículos emprazados a ceo aberto. Para cousas ou individuos entre edificios, esténdese aos 50. Porén, hai boas novas ao respecto, sobre todo de cara á localización de persoas extraviadas ou coches sinistrados, cousa na que é imprescindíbel a máxima exactitude. Segundo se conta, a Universidade Carlos III de Madrid vén de reducir a devandita franxa dos 15 metros aos dous.
Este fito é froito do intenso traballo despregado polos integrantes do Laboratorio de Sistemas Intelixentes e o grupo de Intelixencia Artificial Aplicada da dita institución educativa. Unindo forzas foron quen de desenvolver un aparello-prototipo que mestura a tecnoloxía GPS tradicional coas de outros sensores destinados a medir velocidades e enerxías, co que se abranguen máis parámetros a ter en conta. Dito doutro xeito: se atenden a máis factores que ao simplemente salelital. No caso dun vehículo, os investigadores foron quen de optimizar o seu posicionamento entre un 50% e un 90%. As mellores porcentaxes obtéñense canto mellor é o sinal e máis nidiamente se recibe. Para acadar a devandita amplitude de parámetros no aparello combinouse a tecnoloxía GPS coa propia dos acelerómetros e os xiróscopos. Estes últimos intégranse nunha Unidade de Medición Inercial (IMU) que é quen de pór números exactos á velocidade e deriva dun vehículo. Todo isto inclúe unha conexión directa cun computador que avalía os datos, amaña posíbeis erros e achega posicións. O dito dispositivo-prototipo, por certo, adáptase a calquera coche.

PUBLICIDADE