Redondela estrea aula da Rede CeMIT

luns, 19 de decembro do 2011 Redacción

O secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, Alfonso Cabaleiro, e a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, inauguraron hoxe en Redondela a nova aula CeMIT deste concello, que beneficiará a máis de 8.000 habitantes.
A aula inaugurada hoxe nun acto ao que tamén acudiu a delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, ocupa un espazo de 75 metros cadrados con 60 metros acondicionados acusticamente e dotados con 12 postos informáticos de traballo, un posto de profesor, unha pantalla de proxección de 42 polgadas e un equipo profesional de videoconferencia. Conta, dentro do seu equipamento audiovisual profesional, cun proxector de vídeo, unha mesa de mesturas, micrófonos de mesa e sen fíos, dúas cámaras motorizadas así como sistemas de control como pantalla táctil, racks, regretas IP, caixas de canalizacións de audiovisual e control.
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica sinalou, no transcurso da súa intervención, que a Rede CeMIT, presente en 92 concellos e con 98 aulas, é un dos elementos fundamentais para facilitar o acceso ás novas tecnoloxías a todos os cidadáns en igualdade de condicións.
E neste sentido recordou que o Plan de Formación 2012 incrementa notablemente os obxectivos deste ano. Así a Rede CeMIT ofrecerá o vindeiro ano 3.000 cursos gratuítos, triplicando a oferta formativa de 2011. Ademais, tamén se prevé incrementar en preto do 50% o número de usuarios acadando os 15.000 ao longo do ano- En total, o plan impartirá arredor de 20.000 horas de formación, o dobre de 2011. A Xunta destinará en 2012 un orzamento de 2,3 millóns de euros na xestión da Rede e no Plan de Formación. Un Plan con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, pero ofrecendo tamén formación especializada aos profesionais TIC e información específica para PEME e microPEME sobre as vantaxes que as TIC teñen para mellorar a xestión e os seus procesos produtivos.
Pola súa banda, o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, destacou a posta en marcha desta nova aula CeMIT que, sen dúbida, considerou, contribuirá a achegar as novas tecnoloxías e a formación nesta materia aos habitantes de Redondela.
Cabaleiro salientou, no transcurso da súa intervención, o investimento da Xunta de Galicia na transición á TDT da comarca de Vigo, para a que o Goberno galego achegou máis de 420.000 euros.

PUBLICIDADE