Redelibros recompensará a fidelidade dos seus usuarios con libros de balde

luns, 14 de marzo do 2011 Raquel Noya

Redelibros, a rede social galega do libro creada para reunir nun mesmo punto virtual a seareiros da lectura cos mesmos gustos e afeccións, quere recompensar a participación dos seus usuarios (que por cento xa suman máis de 700), cunha peculiar iniciativa que lles permitirá mercar libros sen gastar un peso.
Este peculiar comercio funciona da seguinte maneira: cada membro ten asociada ao seu perfil unha conta persoal de redepuntos que se vai incrementando a medida que o usuario ou usuaria interactúa en Redelibros, é dicir, publica entradas no seu perfil, engade comentarios en calquera das páxinas ou achega fichas de libros, textos ou artigos á rede social; en definitiva, axuda á construcción da ferramenta a partir das súas aportacións en forma de comentarios, publicacións ou contidos.
Estes redepuntos son indicadores da actividade que realiza cada usuario na web e funcionan a modo de moeda interna para trocar por libros cedidos de balde por editoriais como Xerais, Kalandraka, Faktoría K ou NigraTrea para a Tenda de Redepuntos.
A medida que os usuarios e usuarias colaboren coas súas aportacións, verán incrementados os seus redepuntos, e canto máis comentarios e achegas realicen, máis puntos recibirán nas súas contas particulares.
Para “mercar” os libros, as persoas usuarias só terán que seleccionar aqueles que lles gustan da tenda virtual e premer no botón Mercar agora. O sistema descontará automáticamente os seus redepuntos e enviaralle unha mensaxe por correo electrónico para que indique se quere recibilo por correo a portes debidos ou ben pasar a recollelo persoalmente a calquera das librarías colaboradoras (neste momento, Libraría Cartabón e Mazinger en Vigo e Libraría Paz e Cronopios en Pontevedra).
Cada usuario poderá mercar tantos libros como desexe, sempre e cando teña suficientes redepuntos.
Cabe lembrar que esta ferramenta, creada no noso país a finais do pasado ano, permítelle aos seus usuarios entrar en calquera das librarías asociadas e descargar obras para eReaders, teléfonos móbiles, tablets, ordenadores ou iPhones, así como acceder a obras en formato impreso e adquirilas para seren recibidas por correo postal.

PUBLICIDADE