Redegal presenta unha aplicación para deseñarmos móbeis dende o tablet

luns, 21 de xaneiro do 2013 Redacción

Redegal, empresa galega de novas tecnoloxías e socia de EGANET, presentou os días pasados un novo servizo de seu destinado a desenvolver ao máximo o potencial como deseñadores de móbeis que levamos dentro. Máis polo miúdo, trátase dunha aplicación gratuíta para trebellos iPad, desenvolvida en colaboración co Grupo de Informática Gráfica e Multimedia da ESEI de Ourense, co obxecto de permitirnos dar forma a novos armarios en poucos minutos, e engadíndose a posibilidade de compartirmos o resultado final do noso traballo en deseño-carpintería coas nosas amizades. A aplicación chámase Sketch Arm, e temos máis información sobre ela na web de Redegal. A ferramenta en cuestión pódese descargar xa na App Store.
Máis polo miúdo, Sketch Arm é o resultado dunha colaboración dos profesionais de Redegal cos investigadores Celso Campos Bastos e Iván Rodriguez Conde (Grupo de Informática Gráfica e Multimedia da ESEI de Ourense, Universidade de Vigo). Como dixemos, permite crear deseños tridimensionais de armarios de xeito doado e rápido, a través da pantalla táctil do tablet.É a única ferramenta para o deseño conceptual en 3D que posibilita crear en poucos minutos, e coas xemas dos dedos, un armario totalmente personalizado”, informa Redegal. E engade: “Estamos ante un recurso para imaxinar, descubrir e entreterse, que ademais inclúe a opción de compartir o deseño cos amigos”.

PUBLICIDADE