Redegal celebra hoxe a súa segunda xornada de portas abertas

xoves, 25 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Jorge Vázquez, CEO de Redegal, nunha imaxe de Guille Dacal

A firma galega Redegal, centrada en servizos innovadores de desenvolvemento web e mercadotecnia en liña, vai celebrar hoxe a segunda edición da súa xornada de portas abertas, baixo o lema-convite Pensa en Dixital. A iniciativa, que se desenvolve entre as 16.00 e as 17.00 horas, está directamente encamiñada a fomentar a participación coas comunidades educativas de colexios, institutos e facultades, co fin de darlles a coñecer en que consisten (xenericamente) as profesións dixitais e (nun plano máis específico) cales son os cometidos das e dos profesionais de Redegal.
Na cita de hoxe xa confirmaron a súa participación alumnas e alumnos de 4º de ESO e 1º de Bacharelato do Colexio Maristas Santa María de Ourense.
A través da visita á sede central de Redegal, os estudantes poderán ver de preto os novos postos de traballo en dixital e profundar nas diferentes saídas profesionais do eido tecnolóxico. A xornada contará coas intervencións da responsábel de Recursos Humanos de Redegal, Marta Rodríguez, e do seu director executivo global, Jorge Vázquez. Grazas a esta iniciativa, Redegal quere fortalecer a súa política de impulso do talento local, mostrando o seu compromiso co Campus de Ourense (Universidade de Vigo).

PUBLICIDADE