Rede Aberta chega coa fibra óptica ultrarrápida ata o faro de Fisterra e a 200.000 vivendas e empresas do rural

venres, 29 de setembro do 2023 S. P.

O faro de Fisterra nunha imaxe do Concello de Fisterra

Rede Aberta, empresa de rede neutra en Galicia, inaugurou este venres 29 de setembro o acceso do faro de Fisterra (Fisterra, A Coruña) a Internet mediante fibra óptica de 1 Gbps, en palabras da empresa “un fito que simboliza a nosa capacidade para conectar os lugares máis recónditos do rural de Galicia a velocidades idénticas ás que se dispoñen nas cidades”. Asi se expresou o director executivo de Rede Aberta, Pere Antentas, quen sinalou que “a fibra óptica é unha infraestrutura de comunicación esencial na era da dixitalización e que, ata hai pouco, pensábase que era só para as grandes cidades e as contornas urbanas”.

Pere Antentas, CEO de Rede Aberta

Na súa intervención no evento Conectados ata o fin do mundo con fibra óptica celebrado nas inmediacións do faro, Antentas lembrou que Rede Aberta é unha empresa que naceu hai tres anos e neste período esforzouse en facer posíbel que “case a totalidade dos galegos tivesen acceso a unha conexión ultrarrápida e segura, como a que achega a nosa fibra óptica”.
Así, destacou que na actualidade conta con 200.000 unidades inmobiliarias instaladas en 86 municipios do rural de Galicia, para o que tivo que despregar máis de 4 millóns de metros de cable de fibra. Un crecemento que se viu avalado recentemente por Allianz Global Investors, que “vén de apoiarnos cun financiamento de 50 millóns de euros, o que significa para nós o respaldo do mercado, que aposta e aproba o noso proxecto”, agregou.
Pere Antentas sinalou que a compañía continuará cos “esforzos” para poñer a tecnoloxía máis avanzada ao servizo das empresas de Galicia e, en especial, con aquelas que están asentadas no ámbito rural. “Podemos anunciarlles que alcanzamos un acordo de colaboración con Huawei, un dos nosos provedores tecnolóxicos, para poñer en marcha un proxecto piloto de desenvolvemento da nova tecnoloxía 50G-PON, que supón multiplicar por 50 a velocidade dun 1Gbps que se ofrece na actualidade”, explicou.
Segundo engadiu o CEO de Rede Aberta, trátase “dunha iniciativa pioneira na Unión Europea e inaugurarémolo no primeiro cuadrimestre de 2024”. O proxecto terá a base en Santiago de Compostela, onde se instalará o polo de empresas biotecnolóxicas, e desde o que se ofrecerán tamén servizos a hubs industriais e ás empresas asentadas nas contornas rurais próximas á capital de Galicia”.

De esquera a dereita, Carles Paradeda, director financiero de Rede Aberta, Pere Antentas, CEO de Rede Aberta, Aurea Domínguez, alcaldesa de Fisterra, Maria Rivas, subdelegada do Gobierno na Coruña e Julian Cerviño, director de AMTEGA

Antentas lembrou tamén que Rede Aberta foi “pioneira en despregar a tecnoloxía XGS-PON no rural de Galicia”, coa inauguración do servizo hai un ano na Ribeira Sacra, e seguirá “esforzándose” para “anticipar as necesidades” que terán as empresas, xa que se prevé un crecemento do 37% anual a demanda de datos. En concreto, “multiplicarase por 9 de aquí a 2030”, apuntou, engadindo que a compañía “traballa de xeito conxunto con outros socios” para crear “os CPD,s do Camino”, unha rede de centros de procesamento de datos en Galicia, para dar respostas ás empresas, que “demandan centros que acheguen autonomía de xestión, sen rupturas de servizos e afastados dos vaivéns da xeopolítica”.
Antentas agradeceu a presenza do director da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), Julián Cerviño; a subdelegada do Gobierno na Coruña, María Rivas; e a alcaldesa de Fisterra, Áurea Domínguez. “A colaboración de todas as administracións, de todo o equipo de Rede Aberta e dos máis de 250 persoas das empresas colaboradoras, fai posíbel que sexa unha realidade acabar coa fenda dixital do rural”, subliñou.
Ademais, destacou que Rede Aberta, adxudicataria para a realización do Plan Único do Ministerio de Asuntos Económicos e Transición Dixital na provincia da Coruña, xa executou un terzo das 36.550 unidades previstas, polo que lle permite “ter confianza” en chegar ao 100% antes de finais de 2024. “Esperamos proseguir co Plan Único 2023 en Pontevedra, se gañamos o concurso ao que nos presentamos”, engadiu.
Acordo con R
Finalmente, o CEO de Rede Aberta agradeceu a achega dos operadores de telecomunicacións locais de Galicia que contribuíron ao espallamento da fibra polo rural. “Axudáronnos a despregar a fibra nos recunchos máis remotos. Eles teñen a capilaridade final do territorio, son os nosos ollos no rural. Sen eles non estariamos aquí”, apuntou.
Ademais, anunciou que a esta rede sumouse R e o grupo Máis Móbil como cliente, “un fito un fito importante, porque é a confirmación que somos un operador neutro que facemos ben as cousas. R é o operador de referencia en Galicia e unha marca moi querida na nosa terra”, concluíu.
Julián Cerviño aposta por un territorio plenamente conectado con infraestruturas de calidade
Julián Cerviño, director de AMTEGA, participou tamén na presentación, lembrando que “a despregadura de redes de telecomunicacións en Galicia debe ter en conta as singularidades territoriais”. Referiuse, en concreto, “ao alto nivel de dispersión nunha Comunidade que concentra máis da metade dos núcleos de poboación de toda España; así como aos retos relacionados coas dificultades de acceso a determinadas zonas”.
E engadiu: “Dispoñer dun territorio plenamente conectado con infraestruturas de calidade é un paso imprescindíbel para os obxectivos da EGD2030 de configurar un territorio intelixente a partir do uso de tecnoloxías innovadoras en ámbitos como os sectores primarios, as infraestruturas e a calidade de vida no rural ou a mobilidade e transporte”.
Cerviño fixo un repaso dos resultados das dúas axendas dixitais que desenvolveu a Xunta entre 2009 e 2020, como a posta en marcha de dous plans de banda larga, a extensión da telefonía móbil ou o plan 5G.
O director da Axencia galega referiuse “ao grao de madurez dixital alcanzado por Galicia”, que se sitúa 23,8 puntos por enriba da media das rexións de Europa.
Por último, referiuse á importancia da consolidación de empresas galegas como Rede Aberta, que contribúen a acadar o obxectivo da EGD2030 de especialización tecnolóxica de Galicia a través da creación, retención e atracción de talento dixital e á implantación dun sector TIC sólido e en crecemento.

PUBLICIDADE