Redcoon.es bota o peche

luns, 14 de novembro do 2016 Marcus Fernández

O pasado día 26 a tenda en liña Redcoon convidaba aos seus clientes a non agardar ao Black Friday e adiantar as súas compras de electrónica aproveitando a súa liquidación total anunciada como «fin de emisión», o que podería chegar a entender como unha estratexia de mercadotecnia, até que finalmente, cando visitamos Redcoon.es atopamos unha mensaxe na que informan de que dende o pasado día 11 a páxina web española de Redcoon non está en funcionamento, aínda que confían en servir os pedidos realizados con anterioridade e tamén advirten do método de contacto para o servizo de atención ao cliente no caso de ter que esixir a garantía dos seus produtos ou xestionar devolucións. Din así a unha longa e reputada traxectoria dunha compañía nacida en Alemaña en 2003 (onde aínda segue a operar) que gañou a fidelidade dos seus clientes tanto polos seus prezos como polo seu servizo de calidade.
Redcoon xa pechara as súas tendas de Bélxica e Holanda a finais do mes pasado, e agora faríao en España, Portugal e Austria, ao parecer para evitar competir directamente con outras marcas do Metro Group como as máis de 800 tendas de Media Makrt presentes en 14 países. Deste xeito Media Markt pasaría a deixar de ter que competir coas agresivas ofertas que en liña tiña Redcoon, favorecendo así ao seu comercio presencial e electrónico.

PUBLICIDADE