Red.es pon en marcha 7 novas Oficinas Acelera PEME galegas para impulsar a transformación das empresas no rural

mércores, 31 de agosto do 2022 S. P.

Red.es, entidade pública empresarial adscrita á Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial, vén de facer pública a resolución da convocatoria de axudas para continuar co proceso de creación da rede de Oficinas Acelera PEME por todo o territorio nacional, poñendo o foco en zonas rurais. Desta volta foron beneficiadas 58 entidades, entre as que se inclúen asociacións profesionais e empresariais, colexios profesionais, centros tecnolóxicos, administracións rexionais ou locais, entre outras. Presentáronse a este convocatoria un total de 96 solicitudes. Das ditas 58 entidades, sete son galegas.
O obxectivo destas axudas é chegar a municipios con poboacións inferiores a 20.000 habitantes e impulsar alí “a adopción de tecnoloxías dixitais por parte das súas pequenas e medianas empresas, persoas autónomas e emprendedores”.
Acelera PEME é un programa que busca axudarlles na súa transformación dixital e, con iso, “fomentar a transformación da economía e da sociedade cara a unha contorna dixital, contribuíndo ao mantemento da poboación rural no contexto do reto demográfico”.
Trátase dunha das medidas enmarcadas na Axenda España Dixital 2026 e no Plan de Dixitalización de PEME que forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
O orzamento dos proxectos subvencionados na convocatoria é de 27,1 millóns de euros, dos cales Red.es achegará 21,1 millóns de euros e as entidades beneficiarias o resto. A convocatoria está co-financiada con fondos Next Generation da Unión Europea e o importe das axudas para cada unha das oficinas oscila entre 300.000 e 410.000 euros para 2 anos, o que supón como máximo o 80% do orzamento do proxecto.
As oficinas Acelera PEME que se crearán en virtude desta convocatoria estenderanse por 16 comunidades autónomas conforme á seguinte distribución: Andalucía: 10; Aragón: 2; Asturias: 1; Illas Baleares: 2; Canarias: 5; Cantabria: 2; Castela-A Mancha: 3; Castela e León: 7; Cataluña: 6; Comunidad de Madrid: 1; Comunidade Valenciana: 3; Estremadura: 2; Galicia: 7; Murcia: 2; Comunidade Foral de Navarra: 2 e Euskadi: 3.
Todas as oficinas disporán tanto dun punto físico como virtual para a resolución de dúbidas aos usuarios nos seus procesos de transformación dixital e para a realización de accións de sensibilización e apoio neste ámbito.
Estas 58 oficinas únense ás 85 postas xa en marcha por Red.es a través dun Convenio con Cámara de España e dunha convocatoria de axudas lanzada previamente. En total, o investimento en Oficinas Acelera PEME ascende a 45,1 millóns de euros.

PUBLICIDADE