Red Mundo Atlántico recibe do CPEIG o Premio Iniciativa Empresarial

xoves, 14 de outubro do 2021 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de dar a coñecer a entidade destinataria do seu Premio Iniciativa Empresarial, que se vai entregar, xunto cos restantes galardóns anuais do colexio que preside Fernando Suárez, no marco da XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia (o 29 de outubro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago). En concreto, o dito galardón irá dar á iniciativa Red Mundo Atlántico pola súa contribución á innovación social e á internacionalización das pequenas e medianas empresas do Eixo Atlántico a través da súa rede de networking e de impulso ao financiamento europeo dos proxectos.
Segundo constata o CPEIG, Red Mundo Atlántico (RMA) é unha organización sen ánimo de lucro que busca propiciar o cambio positivo e resolver problemas complexos a través da innovación social e a tecnoloxía dixital. Baixo este obxectivo, un centenar de empresarios e executivos de España e Portugal uniron forzas en xaneiro de 2021 para promover no Eixo Atlántico un ecosistema innovador que impulse o crecemento, a xeración de negocios e o desenvolvemento de proxectos baixo unha cultura integradora. Entre os creadores da rede figura a Associaçao Empresarial de Portugal (AEP) fundada en 1849 -a actual Cámara de Comercio e Industria da Rexión Norte-, ademais de contar co apoio da Enterprise Europe Network, a maior rede mundial de impulso á innovación e á internacionalización das pequenas e medianas empresas, promovida pola Comisión Europea.
Segundo o presidente de Red Mundo Atlántico, Mariano Gómez-Ulla de Irazazabal, “o ecosistema impulsa as empresas nun mercado potencial de fala portuguesa e española que no mundo supera os 800 millóns de persoas, difunde a oportunidade que abren os Fondos Next Generation e axuda a mellorar a comunicación entre universidades e empresas”.
O proxecto, co-financiado polos programas COSME e Horizonte 2020 da Unión Europea, hibrida as catro sedes presenciais da Coruña, Vigo, Oporto e Madrid cunha sede virtual de realidade inmersiva, ademais de manter acordos con outros clubs empresariais e unha importante rede de embaixadores en diversos puntos do mundo. “Deste modo”, engade o CPEIG, “conforma un ecosistema ubicuo de institucións, empresarios e profesionais dotado de múltiples servizos de valor”.
RMA enfócase en catro liñas estratéxicas claves: impulsar a presentación de proxectos aos fondos europeos por parte das pemes, mellorar o intercambio de coñecemento entre as universidades e as empresas, abrir mercados internacionais aos asociados e aliados, e ter presenza nos principais centros de decisión para exercer de lobby. Sobre estas premisas o plan director da entidade recolle dezasete obxectivos estratéxicos e as súas correspondentes accións. Entre outras metas, RMA busca paliar o despoboamento das areas rurais, humanizar a tecnoloxía e diminuír a fenda dixital na cidadanía, aproveitando as oportunidades da tecnoloxía de comunicación 5G, así como contribuír ao desenvolvemento da Axenda 2030 e aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel da ONU, cos que aliña a súa estratexia e plan de acción.
Dende o CPEIG valoraron tamén que os impulsores de Red Mundo Atlántico baseen o seu modelo de innovación social no concepto económico da tripla hélice (Etzkowitz e Leydesdorff 1990), que promove a actuación concertada das empresas, as universidades e os gobernos,” engadindo ao mesmo á sociedade civil para crear novos coñecementos e innovación, e resolver complexos problemas sociais”. Para acadalo, RMA apóiase non só nas ferramentas dixitais senón tamén no valor dos profesionais de longa traxectoria que achegan a súa experiencia e talento ás organizacións empresariais baixo a figura do interim management.

PUBLICIDADE