Red Mundo Atlántico confirma o seu apoio ao evento tecnolóxico Mobile Week Ourense

venres, 3 de setembro do 2021 S. P.

A asociación Red Mundo Atlántico achegará ao seu apoio ao evento tecnolóxico Mobile Week Ourense. Mundo Atlántico formalizou a súa colaboración cun acordo asinado entre o seu presidente, Mario Gómez-Ulla, e o seu homólogo da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. Segundo fixo saber Baltar, a primeira edición ourensá da Mobile Week celebrarase entre os días 19 e 23 de novembro, “vencellando de xeito directo o noso territorio coa innovación e outorgándolle unha visibilidade de primeira orde no ámbito da vangarda tecnolóxica internacional”.
O presidente provincial subliñou a importancia deste acordo, en tanto supón un paso máis cara a organización en Ourense da Mobile Week logo da sinatura o pasado 29 de xuño, no marco do Mobile World Congress 2021 e co director executivo (CEO) de Mobile World Capital Barcelona, Carlos Grau, do convenio de colaboración que permitirá celebrar este evento en Ourense nos anos 2021, 2022 e 2023. “Trátase dunha extraordinaria oportunidade para achegar a tecnoloxía aos cidadáns a través dun evento que, desde a súa primeira edición en 2017, xa é un espazo de referencia, debate, reflexión e participación en torno á transformación dixital”, explicou.
Red Mundo Atlántico é unha entidade que, como impulsora de contidos, colabora coa Mobile World Capital Barcelona, titular da marca Mobile Week. Co convenio asinado, a Deputación e maila asociación traballarán de modo conxunto para involucrar á sociedade ourensá (o tecido empresarial e tamén os particulares) na celebración deste evento.
Amais, o documento recolle outras vías de colaboración para desenvolver actividades e proxectos vinculados á 5G, a implantación de tecnoloxías emerxentes en Ourense, a aceleración de startups, o fomento do emprendemento conectando ciencia e tecnoloxía e o deseño de iniciativas que axuden a formar a profesionais en habilidades dixitais.

PUBLICIDADE