Recta final para participar nos Premios Son Muller 2018 de Lugo

luns, 26 de febreiro do 2018 Redacción

É posíbel ser emprendedora de éxito en Lugo? A resposta é que non só é posíbel, tendo en conta o importante talento innovador das mulleres dos sesenta e sete concellos da provincia, senón que tamén ten recoñecemento. Así nolo recordan hoxe a Deputación de Lugo, a Fundación TIC e o Concello de Lugo, entidades colaboradoras-patrocinadoras dos Premios Son Muller 2018, organizados pola Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo (AELU) co obxectivo de promover, homenaxear e facer visíbel a participación da muller na contorna económica e social lucense. Segundo lembran, o prazo para participar no dito certame está a piques de rematar, podéndose facer (a inscrición) a través de www.empresariaslugo.org (até o 1 de marzo). A Deputación e o Concello achegan 4.600 euros en premios.
O evento está destinado a emprendedoras e empresarias lucenses, que teñan o seu domicilio social e fiscal como empresa na provincia, que estean dadas de alta como autónomas ou sexan parte dunha sociedade empresarial, así como que cumpran coas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.
Toda a información (bases, requirimentos, categorías) precisa para concorrer no certame está dispoñíbel na devandita páxina web, así como a través do teléfono 982 22 69 91.
Os premios contan con tres categorías:
· Empresaria rural: proxectos de mulleres en concellos rurais baseados en actividades agrarias e complementarias, agroalimentarias, turísticas, industriais, así como actividades ou actuacións que recoñezan o seu labor na contorna non urbana. Ao abeiro deste galardón valorarase a experiencia empresarial, os plans de conciliación de vida persoal e profesional, a creación de emprego feminino, o fomento da igualdade, a creatividade e innovación, así como o proxecto empresarial que fomente o empoderamento do rural galego.
· Empresaria. Con actividade dende hai máis de 42 meses dentro do sector rural. Valoráranse positivamente os currículos con ampla experiencia empresarial, os plans de conciliación de vida persoal e profesional, a creación de emprego feminino, o fomento da igualdade, a creatividade e innovación do mesmo.
· Emprendedora. Proxectos empresariais non superiores aos 42 meses. Teranse en conta o espírito emprendedor, a creatividade e innovación, o grado de definición do produto ou servizo, a creación de emprego feminino, así como a orixinalidade no sector.
O certame contará cun xurado formado por representantes de AELU e personalidades pertencentes a distintos ámbitos das administracións, empresas e sociedades lucenses. O xurado será responsábel de seleccionar as candidaturas ganadoras.
A entrega de premios ás gañadoras desta I edición dos premios que organiza AELU terá lugar nun acto, o 8 de marzo, ás 20:30 horas no Vello Cárcere da cidade da Muralla, no que se realizará un recoñecemento especial á longa traxectoria empresarial e profesional dunha muller referente na provincia de Lugo.

PUBLICIDADE