Recoñecido un proxecto de aplicación para permitirnos buscar traballo dende calquera lugar: Obiz

xoves, 20 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa

Á esquerda Carlos Cobos, director de Marketing de Unique, e á dereita, Fernando Jiménez e Ignacio Cabrera

A empresa de traballo temporal Unique vén de recoñecer un interesante proxecto para a integración da comunicación móbil na procura dun posto laboral. O recoñecemento insírese no certame Unique apóiate para acadar o teu soño. Falamos do proxecto Obiz, desenvolvido por Fernando Jiménez e Ignacio Cabrera, e que cuxo rigor e compromiso foi salientado polo xurado, amais da súa utilidade. O premio inclúe unha contía de 20.000 euros, que servirá aos seus desenvolvedores para pór en marcha oficialmente a súa iniciativa. Ou sexa, para que deixe de ser un proxecto e a súa aplicación móbil para axudar a atopar traballo se converta en realidade.
Segundo informa Unique, Fernando Jiménez e Ignacio Cabrera apostaron por deseñar unha app que permite xestionar as relacións dos usuarios de páxinas web de procura de emprego nunha contorna móbil. “Actualmente non existe ningún servizo que permita ter unha relación fluída co mercado laboral sen estar permanentemente atado ao computador”, engaden os gañadores do concurso, para os que está claro que esta ferramenta remata coa dita dependencia, “permitindo xestionar toda a información e manterse ao día do que acontece no mercado das ofertas de traballo a través dun dispositivo móbil”. Para Unique, o proxecto Obiz dá un xiro á formulación actual, que obriga ao candidato a ter que procurar entre as distintas páxinas páxinas de emprego e a actualizar de xeito individual a información de perfil en cada plataforma. Ademais avisará aos usuarios das ofertas máis interesantes, evitando ter que identificalas unha por unha.

PUBLICIDADE