Recoñecida pola súa contribución europea a estratexia Open Future de Telefónica

xoves, 16 de xuño do 2016 Redacción

Telefónica vén de obter un importante recoñecemento polo seu xeito de traballar coas novas firmas innovadoras, as chamadas start-ups, unha metodoloxía de traballo que engloba e abrangue, por proximidade, o labor despregado pola operadora no seu centro de crowdworking con emprendedores TIC en Galicia Open Future. A distinción foille concedida pola fundación Nesta e veu con feitura de investigación. Neste estudo, realizado para a iniciativa europea Startup Europe Partnership, elixiuse a Telefónica como unha das 25 grandes compañías europeas que máis están a axudar ás startups. Tratase da única firma estatal do ámbito das telecomunicacións que figura na listaxe. Na raizame do recoñecemento está Telefónica Open Future, o programa de innovación aberta e emprendemento no que se insire Galicia Open Future. A operadora española situouse no dito ranking no cuarto posto, por detrás de Cisco, Rabobank e Unilever.
Presentado durante o Startup Europe Summit celebrado en Berlín, o estudo quere recoñecer a contribución que as grandes compañías europeas están a realizar para crear un ecosistema de emprendemento que estea en disposición de competir con calquera ecosistema de semellantes características, sobre todo co norteamericano.
As firmas premiadas foron seleccionadas entre máis de 70 candidatas, tendo en conta os seguintes criterios: o volume e calidade das actividades que desenvolven para fomentar as novas iniciativas de mercado e os eventos ou competicións que organizan e os recursos que ofrecen aos emprendedores (asesoramento, adestramento, programas de aceleración, investimento).
Logo de Telefónica, atopamos nos vinte primeiros postos as seguintes compañías: Virgin, Orange, Telecom Itlaia, BBVA, KPN, EDP, KPMG, RBS, WPP, Eneco, MSD, Microsoft, Sky, KLM, Accenture e SAP SE.

PUBLICIDADE