Recoñecen o alto potencial exterior de Arteixo Telecom

luns, 11 de abril do 2011 Redacción

Arteixo Telecom entrou a formar parte do programa Marcas de Alto Potencial Internacional (MAPI) da Asociación de Marcas Renomeadas Españolas (AMRE), segundo resolución recentemente aprobada pola xunta directiva desta entidade.
Esta decisión supón o recoñecemento de que a marca Arteixo Telecom conta co respaldo dunha excelente reputación e unha sólida traxectoria empresarial, e que está en condicións de desenvolver unha importante traxectoria nos mercados exteriores. Representa, así mesmo, un primeiro paso de cara á integración da compañía en AMRE.
«A entrada no programa MAPI da Asociación de Marcas Renomeadas Españolas significa un recoñecemento ao traballo e potencial de Arteixo Telecom e unha lombeirada á estratexia de expansión internacional da compañía, que pasa así a formar parte dun selecto grupo de empresas. É tamén un recoñecemento de que dende Galicia se pode desenvolver e fabricar tecnoloxía competitiva a nivel internacional», sinalou Rafael Valcarce, presidente de Arteixo Telecom.
Como membro do programa Marcas de Alto Potencial Internacional, Arteixo Telecom colaborará con AMRE na realización de actividades e proxectos orientados a potenciar e fortalecer as marcas españolas no exterior. Este programa inclúe accións de carácter individual, como a inclusión prioritaria en programas de internacionalización, e accións de carácter colectivo, a través da participación nunha Unidade de Transferencia de Coñecemento en xestión internacional da marca.

PUBLICIDADE