Recoñecen a excelencia do Campus do Mar da Universidade de Vigo

xoves, 21 de outubro do 2010 Redacción

O día de hoxe «marca un antes e un despois na historia da Universidade de Vigo, de Galicia e da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal» en palabras do reitor Salustiano Mato, que non pode disimular a súa «satisfacción e orgullo» pola selección do proxecto Campus do Mar como Campus de Excelencia Internacional de ámbito rexional (CEIR) acadando a máxima cualificación dun comité de expertos, así como a máxima dotación económica: 5,3 millóns de euros.
A resolución da comisión avaliadora internacional encargada de valorar os proxectos certificou que o Campus do Mar «é un programa ben orientado, de calidade, cunha delegación estratéxica forte e enorme proxección de futuro», salientou o reitor, ao tempo que explicou que agora se abre un período de cinco anos nos que a Universidade de Vigo, xunto coas outras universidades galegas e do Norte de Portugal, o Instituto Español de Oceanografía e o Consello Superior de Investigacións Científicas deberán converterse «no epicentro da universidade do mar en Europa».

O Campus do Mar supón a unión das universidades galegas, as do Norte de Portugal, o Instituto Español de Oceanografía e o Consello Superior de Investigacións Científicas

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria celebra como un éxito de toda Galicia que o Campus do Mar da Universidade de Vigo fora distinguido hoxe coa Excelencia Internacional, e o seu titular, Xesús Vázquez Abad, asegura que «os galegos podemos estar satisfeitos de que, xunto ao Campus Vida que xa tiñamos, acadaramos agora este novo recoñecemento, algo do que non pode gabarse calquera comunidade autónoma».
Para o conselleiro «estamos diante do trunfo da unión entre as tres universidades (galegas xunto a outras portuguesas máis o CSIC ou o IOE) nun proxecto común que vai servir para integrar os mundos da I+D+i, da empresa, da excelencia e da cooperación, en torno aos ámbitos mariño e marítimo».
Na mesma liña, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, avaliou de xeito moi positivo o recoñecemento para o Campus do Mar, que considera que «é un nomeamento xusto, traballado e merecido para unha excelente Universidade como é a Universidade de Vigo, e para todo o Sistema Universitario galego».
Logo de recalcar o apoio do Goberno autonómico á iniciativa que lidera a Universidade viguesa, e que se suma ao acadado recentemente polo Campus Vida da Universidade de Santiago, Núñez Feijoo salientou que dita aposta queda plasmada no Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano ao asegurar que «fixemos un esforzo neste Orzamento de manter os fondos das Universidades e que non lles afecte a obrigada redución do gasto público ao que se somete o Goberno galego por responsabilidade».

O reitor acompañado moitas das persoas que dedicaron «horas de traballo a darlle forma e rigor» ao proxecto

PUBLICIDADE