Recomeza ReAcciona co obxectivo de impulsar medio milleiro de proxectos de mellora empresarial

venres, 7 de xullo do 2017 Redacción

O programa ReAcciona, dirixida a impulsar a competividade das nosas empresas a través de novos recursos innovadores, vai ter continuidade logo de catro anos de andaina (e de 850 firmas impulsadas a través de 1.400 proxectos de mellora). A nova convocatoria foi dada a coñecer hoxe pola Consellería de Economía, engadindo que a edición vindeira está dotada con 2 millóns de euros e que permitirá “desenvolver preto de 500 novos proxectos de mellora de xestión empresarial e a posta en marcha de plans estratéxicos de futuro nas empresas galegas ata 2018”.
A presentación de solicitudes estará aberta desde o próximo luns, 10 de xullo, até o 15 de setembro. De seguido activaranse novas convocatorias en novembro e decembro deste ano e en febreiro e maio de 2018.
A Consellería, facendo reconto, engadiu que a través do programa investíronse xa 5,1 millóns de euros (facilitando a mobilización de case 7 millóns). ReAcciona, que ten unha marcada vertente tecnolóxico-dixital a través de Reacciona TIC, está deseñado para impulsar accións de mellora en “áreas concretas de xestión ou planificación das PEME galegas”, poñendo á súa disposición expertos-innovadores en múltiples ámbitos da xestión dos aspectos financeiros, da produción ou do deseño estratéxico, entre outros eidos.
O programa ReAcciona é un dos instrumentos cos que a Xunta está a profundar na mellora da competitividade do tecido empresarial ao abeiro da Axenda Galicia-Industria 4.0, coa que se prevé incrementar, nas súas palabras, “até o 20% o peso da industria no PIB impulsando a creación de 50.000 empregos”.

PUBLICIDADE