Recollen información de 100 millóns de usuarios de Facebook para concienciar sobre a protección da privacidade

xoves, 29 de xullo do 2010 Marcus Fernández

O experto en seguridade informática Ron Bowles recompilou datos persoais de preto de 100 millóns de usuarios de Facebook compartidos de xeito público e publicounos na Rede a través de BitTorrent nunha descarga que ocupa 2,8 Gbytes e que está accesible a calquera como un xeito de advertir aos usuarios da Internet de que hai que atender máis ao tratamento que damos aos nosos datos na web (aínda que neste caso en concreto Bowles procurou non incluír no ficheiro datos privados ou comprometedores).
Estamos así ante un caso no que non se alerta dun fallo de seguridade de Facebook, senón dos propios usuarios desta plataforma, que non parecen ter o tino suficiente como para manter os seus datos persoais restrinxidos ao seu círculo de coñecidos, permitindo que calquera acceda a eles, o que pode ter graves consecuencias.
O traballo de Bowles é unha obviedade, pois está claro que os datos públicos en Facebook son públicos, pero o feito de que se alerte deste feito pode chamar á reflexión a moitos usuarios, que pensarán dúas veces o configurar axeitadamente a configuración de privacidade do seu perfil nas redes sociais.

PUBLICIDADE