Reclaman máis axudas para o achegamento da TDT á veciñanza do Courel

xoves, 8 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Non deixa de ser preocupante que as zonas da nosa terra que peores condicións teñen para acceder aos recursos da era dixital sexan, precisamente, aquelas que máis problemas teñen doutra índole: demográficas, económicas ou sociais. Na comarca do Courel, unha bisbarra en despoboamento e ameazada por actividades económicas de escaso futuro (louseiras, plantacións de árbores non autóctonas, etc), semella que por moito que pasen os anos e os gobernos a Sociedade do Coñecemento chega sempre a contrapelo. O tema non é novo, e xa falamos moitas veces del nesta web, pero a novidade reside precisamente en que segundo se conta dende plataformas como SOS Courel os problemas persisten.
As vías a tomar pola veciñanza para poder recibir a Televisión Dixital Terrestre pasan case todas pola instalación de equipos que recollen o sinal por satélite. O fornecemento das antenas parabólicas en aldeas como Ferramulín ou Céramo, cóntase dende a dita asociación, corre a cargo dos propios veciños e do Concello de Folgoso, que contribúe con subvencións. Porén, a reclamación de SOS Courel consiste en esixir a achega de meirandes recursos por parte dos gobernos central e autonómico para garantir estes servizos.
O proceso, sinalan, enléase en poboacións como Órreos, onde as tres persoas que alí residen non teñen nin sequera corrente eléctrica. “En canto ao concello de Quiroga”, engaden, “nas aldeas de Vieiros, Seara, Soldón e Outeiro non teñen sinal de televisión, non sabemos se o goberno local tamén subvencionará as parabólicas aos residentes habituais”. E proseguen, dando conta do que se cualifica de problema estrutural e mesmo estético: “Por non instalar un só repetidor para esta zona oriental da Serra do Courel, obrígase aos veciños a pagar un servizo gratuíto, e encheranse todas estas aldeas de parabólicas, cando teñen un gran interese etnográfico e arquitectónico, algunhas delas, como Seara, restaurada hai pouco con fondos públicos”.

PUBLICIDADE