Recibidas 224 propostas nas dúas fases de consulta de Aldeas Intelixentes

luns, 25 de abril do 2022 S. P.

O Goberno galego vén de facer balance da actividade xerada polas dúas fases da consulta pública ao mercado do proxecto Aldeas Intelixentes, que recibiron finalmente 224 propostas. Así, na segunda consulta lanzada o pasado 18 de marzo, un total de 30 entidades (23 empresas privadas e 7 centros tecnolóxicos, de investigación ou universidades) presentaron ata 56 propostas de solución que permitirán mellorar e completar os cinco retos deseñados en base ás 168 iniciativas recibidas entre novembro e decembro de 2021, a cargo de 124 pemes e 44 corporacións.
Do máis de medio cento de proposicións detalladas, 15 están destinadas ao desenvolvemento dunha plataforma intelixente para a xestión de servizos no ámbito local, 12 refírense a outra plataforma para a rastexabilidade e valorización de produtos agroalimentarios e subprodutos das aldeas modelo, 13 á innovación en sistemas de axuda á decisión para actividades agrarias nas aldeas modelo, 11 ao deseño dun sistema enerxético integral para as aldeas e, por último, 5 están relacionadas coa edificación e urbanización sustentable.
A iniciativa Aldeas Intelixentes (solucións de futuro para aldeas sustentábeis), que se enmarca na Estratexia Galicia Dixital 2030 e no programa territorio intelixente que impulsa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), é un proxecto de compra pública de innovación promovido pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Conta cun orzamento inicial superior aos 5 millóns de euros de fondos propios da Xunta, que se espera poder ampliar con outras fontes de financiamento vinculadas a Next Generation UE ou ao programa FID do Ministerio de Ciencia e Innovación para acadar un orzamento global próximo aos 15 millóns de euros.
O proxecto persegue “obter solucións innovadoras que permitan impulsar a recuperación dos núcleos rurais co fin de conseguir un territorio rural intelixente a través da creación dunha rede de aldeas modelo que potencie os grandes valores das áreas rurais e proporcione aos actores locais as ferramentas para aproveitar o seu potencial, contribuíndo así a grandes retos como a seguridade alimentaria, o declive demográfico ou o cambio climático”.
Coa información recompilada nestas consultas, a Consellería do Medio Rural espera deseñar e lanzar, nos próximos meses, as licitacións de compra pública de innovación que permitan desenvolver os proxectos que dean resposta aos retos presentados.
Medio Rural informou tamén de que se está a traballar xa nalgunhas iniciativas piloto entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Redes de Telecomunicación Galegas (RETEGAL) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que permitan ir albiscando potenciais solucións futuras de aplicación nestas aldeas. Así, por exemplo, está avanzada a definición dun proxecto piloto para (con sensórica e Internet das Cousas) levar a cabo o seguimento remoto de gando en extensivo nunha das aldeas modelo xa en marcha.

PUBLICIDADE