Recala en Foz o autobús de RTVE que fomenta as competencias dixitais en toda España

mércores, 23 de agosto do 2023 S. P.

O autobús da campaña Tu futuro se escribe con D (XeraciónD), impulsado por RTVE para impulsar entre a cidadanía as competencias tecnolóxicas e reducir a fenda dixital, chegou este martes a Foz, onde estará emprazado diante da Casa do Concello até o xoves 24, en horario (este xoves) de 10h a 13:30h.
Visitaron a unidade móbil o alcalde Francisco Cajoto e a concelleira de Participación Cidadá, Elena Martínez Pena, que se amosaron moi contentos por esta campaña “que vai acoller a moitos rapaces e persoas de calquera idade que queiran aprender sobre novas tecnoloxías e familiarizarse co mundo dixital”, sinalaron.
O autobús conta con actividades de lecer e desafíos, como un scape room dixital ou o xogo da oca en formato TIC. Tamén ten actividades e recursos que poñen o foco nas posibilidades dos teléfonos móbiles, na navegación con mapas, en como realizar unha vídeo-conferencia, no uso de redes sociais ou na robótica educativa. De feito, conta entre o seu equipamento cun robot educativo que brinda aos seus usuarios servizos de asistente dixital.
O alcalde de Foz, Francisco Cajoto, que estivo na presentación da actividade con Martínez Pena, salientou “a importancia do contacto de todos coas novas tecnoloxías, que son o presente de todos e esta actividade é un moi bo modo de relación entre xeracións”.

PUBLICIDADE